VEITUREIRA - Lampai

Go to content

VEITUREIRA

VEITUREIRA
Aldea que pertence á parroquia de Lampai situada ao pé da Pena da Agrela e limítrofe co concello de Padrón.

O núcleo principal da aldea consta de varias vivendas de pedra, de construción tradicional, con moitos anos de antigüidade (algunhas en estado de ruina) e outras de construción máis actual.

No centro da aldea está o “Pozo da Fonte”, no que hai unha fonte de auga, un lavadoiro e un pozo no que na antigüidade os veciños acumulaban auga no verán e, cando estaba cheo, abríano para regar os prados ou deixábano cheo se había risco de lume no monte.

Chama a atención a cantidade de hórreos que hai, a maioría en bo estado (contamos oito).

Se saímos da aldea, polos distintos camiños que se meten cara ao monte podemos ir a varios lugares moi significativos para os veciños máis vellos de Veitureira, como por exemplo:

  • Saíndo pola Eira do Outeiro podemos dirixirnos a Xandra.
  • Polo outro lado, cara á Pena da Agrela, encóntranse a Pena de Angueira, a Pedra da Mina e Morosa das Pedras, lugares aos que os veciños levaban os seus animais a pastar hai anos.
  • Na Morosa das Pedras hai unha pedra lisa que está en costa, e que os rapaces usaban de escorredoiro, e aínda se nota por onde baixaban polo desgaste da pedra.
  • Moi preto da Pedra da Mina está o Pozo da Lagoa (que xa pertence ao Concello de Padrón ) no que todavía quedan restos dunha caseta que os veciños, entre eles os de Veitureira, utilizaban para vixiar os lumes. Turnábanse para facer gardas e comunicábanse con outras casetas doutros montes con luces de colores (branco, vermello e verde ), dependendo de se había lume ou non. O lugar onde está situada a caseta é un sitio con moi boas vistas.
  • Outro punto interesante na ladeira da Pena da Agrela é onde está situada a Pedra das Doce. Seguindo a sombra que daba nesta pedra a través dunha viseira natural, a xente sabía a hora que era para así retornar para as súas casa cando traballaban pola zona.

 
 Veitureira é unha aldea pequena pero con moito encanto.
.
Mira aquí como chegar
Back to content